XXVIII edición do Festival As Nosas Músicas: Couso, capital do baile galego

Os días 13 e 14 de agosto de 2025 tivo lugar en Couso a XXVIII edición de As Nosas Músicas, e non podemos estar máis felices, orgullosas e agradecidas. Foron dúas xornadas intensas e emocionantes, nas que máis de 3 000 persoas se achegaron ao torreiro para compartir música, baile, tradición e cultura.Couso volveu ser capital do baile e da música tradicional galega, cun programa variado e de gran valor cultural.
Destacar actividades como o espazo xogo, a III Mostra de Artesanía, as funcións de Seis dedos e Monifates e a mesa redonda “A tradición oral musical en Galicia, presenza e vixencia”, espazo de encontro e reflexión no que se pon en valor a forza da nosa música de tradición oral e o seu papel no presente e no futuro.

No apartado musical, Benofán coa compaña dos Sentenarios, Lagharteiras, Silvaredonda, Alvariza e Banda das Crechas, que fixeron vibrar o torreiro cun ambiente inesquecible. Broche final coa xa imprescindible foliada ata o amencer, na que cantamos, bailamos e tocamos ata que saíu o sol. Imprescindible tamén a animación musical e festiva que achega Artmonium.
Foi un encontro único, cheo de comunidade, que reafirma o espírito co que naceu esta festa no ano 1996.

Tamén tivemos ocasión de facer entrega do recoñecemento simbólico de As Nosas Músicas, instaurado no 2016, que este ano entregou Eva Fernández Prieto (Rebelio Revista) a Mercedes Peón. Un pequeno pero significativo xesto para seguir poñendo en valor a nosa cultura.

Con cada edición renovamos o noso compromiso: seguir traballando arreo para que As Nosas Músicas continúe ano tras ano, mantendo vivo este legado colectivo que pertence a todas e todos.

💜 Grazas ás persoas que se achegaron, ás que colaboran e participan na organización, ás entidades que apoian a festa e a toda a veciñanza que fai posible que Couso se converta, cada agosto, nun faro da música e da tradición galega.

Porque cando a comunidade se xunta arredor da música, a tradición vive e o baile non para!

#AsNosasMúsicas #QueBaileNonPare #VivaAMúsicaESiga #AXesteira

Scroll ao inicio
Ir o contido