As Nosas Músicas 2025

Na 28ª edición de As Nosas Músicas, contamos cunha ampla programación de actividades centradas na música tradicional galega, que comezaron na tarde do 13 de agosto coa apertura da feira de artesanía e con xogos tradicionais para as cativas e cativos (Anacos Educativos), continuando pola tardiña con títeres (Cocer e cantar, Seisdedos) e cunha ruada coas actuacións musicais de 5 grupos que mostraron o seu repertorio da música tradicional do noso país (Ultreia, Tequexetéldere, Gaiteiras/os de Barbude, As rianxeiras da Covecha e Pandeireterias da Carrabouxa).

Ao día seguinte, 14 de agosto, continuou a festa con diversas actividades e actuacións repartidas tamén entre a mañá, a sesión vermú, a tarde e a noite. Comezouse o día (12:30) coa Mesa Redonda: A tradición oral musical en Galicia, presenza e vixencia, presentada por Pilar García Rego, coas pandeireteiras de Buxán (Rois) e coa participación de María Vidal, Uxía da Pontraga, Belén Tajes e Leticia López Rey, para continuar coa sesión vermú (14:00 h) amenizada polas Pandeireteiras de Buxán, Benofán e coa aparición dos xigantes e cabezudos de Couso, acompñados pola música da Escola de Música Tradicional da Asociación A Xesteira.

Xa pola tarde (a partir das 16:30), voltaron os xogos tradicionais na música e na festa (Anacos educativos), títeres (Os Monifates), animación a pé de rúa con Art-Monium, obradoiro de iniciación ao baile tradicional (Montse Rivera), para logo dar paso ás actuacións musicais da noite, no escenario e a pé de pista (Lagharteiras, Alvariza, Silva Redonda, Banda das Crechas e Art-Monium.

Cómpre tamén destacar o Premio ANM, que se entregou este ano a Mercedes Peón, en recoñecemento da súa traxectoria e labor ao longo do tempo a prol do noso patrimonio.

O programa completo pode verse aquí.

Por último, temos que agradecer toda a axuda prestada por veciñas, veciños e persoas colaboradoras en xeral na organización das Nosas Músicas, tanto nos días/semanas previos coma nos propios días da festa, así coma para recoller nos días seguintes. Sen esa axuda, ANM non sería posible.

No apartado musical, Benofán coa compaña dos Sentenarios, Lagharteiras, Silvaredonda, Alvariza e Banda das Crechas, que fixeron vibrar o torreiro cun ambiente inesquecible. Broche final coa xa imprescindible foliada ata o amencer, na que cantamos, bailamos e tocamos ata que saíu o sol. Imprescindible tamén a animación musical e festiva que achega Artmonium.
Foi un encontro único, cheo de comunidade, que reafirma o espírito co que naceu esta festa no ano 1996.

Tamén tivemos ocasión de facer entrega do recoñecemento simbólico de As Nosas Músicas, instaurado no 2016, que este ano entregou Eva Fernández Prieto (Rebelio Revista) a Mercedes Peón. Un pequeno pero significativo xesto para seguir poñendo en valor a nosa cultura.

Con cada edición renovamos o noso compromiso: seguir traballando arreo para que As Nosas Músicas continúe ano tras ano, mantendo vivo este legado colectivo que pertence a todas e todos.

💜 Grazas ás persoas que se achegaron, ás que colaboran e participan na organización, ás entidades que apoian a festa e a toda a veciñanza que fai posible que Couso se converta, cada agosto, nun faro da música e da tradición galega.

Porque cando a comunidade se xunta arredor da música, a tradición vive e o baile non para!

Aquí vos deixamos o vídeo resumo da festa e algunhas imaxes máis. 

Scroll ao inicio
Ir o contido