
A Xesteira
As orixes
A Xesteira é unha asociación promovida por un grupo de mozas e mozos residentes na parroquia de Couso (no concello da Estrada). Entre os seus fins están a difusión cultural e o coñecemento da historia e dos costumes dos lugares onde vivimos. Desde a súa creación en 1996 desenvolve actividades diversas de dinamización social e cultural no medio rural, tales como exposicións, charlas, obradoiros, rutas ambientais, saídas culturais, noites musicais e de animación en xeral.
O cerne
A Xesteira trata de dar a coñecer, promover e gozar de prácticas propias da nosa cultura baseadas na posta en valor de elementos que forman parte do noso patrimonio.
Na cultura popular atopamos multitude de elementos relacionados co entretemento e desfrute da poboación e co asentamento do seu sentido de comunidade e pertenza, como a música e o baile comunitarios, os elementos decorativos, os xogos tradicionais, as celebracións festivas arredor do ciclo do ano, as actividades culturais e as actividades medioambientais.
Os fins
- A promoción da participación e a integración social de todos os colectivos e persoas que integran a comunidade na que vivimos.
- A dinamización da vida no ámbito específico da Infancia e da Xuventude no ámbito rural, incidindo na promoción e difusión do asociacionismo xuvenil e de hábitos de vida saudables.
- A difusión cultural en sentido amplo, promovendo o coñecemento de novas manifestacións, tecnoloxías e en xeral da evolución social, cultural e económica
- O coñecemento e estudo das manifestacións culturais propias de Galicia, nomeadamente da nosa lingua, tradición oral e folclore
- A defensa e o coñecemento do medio natural e do entorno que nos rodea.
O camiño
Nos inicios centraba gran parte da súa actividade na organización de As Nosas Músicas, que se celebra ininterrompidamente desde 1996.
Pouco a pouco, A Xesteira foi traballando en novas propotas que foron xurdindo da necesidade de encher de contido os espazos comunitarios nos que se desenvolve; así naceu a Festa do Outono, que organiza desde 2002, ou a Escola de Música Tradicional, creada en 2011. Asemade, detectouse a necesidade de manter e mellorar os espazos comunitarios arredor da Casa da Escola, abordando obras e traballos continuos en colaboración coa demais veciñanza de Couso
Tamén tiveron cabida e se foron desenvolvemento espazos estables coma as foliadas e ruadas, as saídas e viaxes, o programa de actividades culturais ou o Proxecto Ríos